
O fenómeno do cambio climático é un dos maiores retos ambientais aos que se enfronta na actualidade a nosa sociedade debido ás súas implicacións sociais, económicas e ambientais, e existe evidencia inequívoca de que a Terra está a quentarse a un ritmo sen precedentes, e que a actividade humana é a causa principal.
A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é o órgano competente para as actuacións relacionadas co cambio climático na comunidade autónoma de Galicia, de conformidade co establecido no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, modificado polo Decreto 192/2024, do 9 de decembro, e o Decreto 106/2025, do 11 de novembro.
- Evidencias

Existe unha gran evidencia do quecemento global, proveniente de diferentes medicións independentes e fisicamente consistentes de moitos elementos do sistema climático fortemente relacionados entre si. A análise dos diferentes indicadores desde os océanos profundos ata o tope da troposfera, a evidencia de atmosfera e océanos máis cálidos, da fusión dos xeos, o retroceso dos glaciares e do aumento do nivel do mar apunta inequivocamente a que a Terra quentouse desde finais do século XIX.
A influencia humana é a principal causa do quecemento da atmosfera, o océano e a superficie terrestre, e é a principal impulsora de:
o aumento da temperatura global.
o retroceso dos glaciares desde a década de 1990.
a subida do nivel do mar polo menos desde 1971.
o quecemento da capa superior do océano desde a década de 1970.
a acidificación observada da superficie do océano aberto.
O cambio climático antropoxénico provocou o aumento de episodios extremos meteorolóxicos e climáticos tales como ondas de calor, precipitacións fortes, secas e ciclóns tropicais desde a década de 1950, e aumentou a posibilidade de eventos extremos combinados, incluíndo a concorrencia de secas e ondas de calor, e as combinacións de factores meteorolóxicos propicias para os incendios.
- Causas
O efecto invernadoiro é unha característica esencial do noso planeta que permitiu que exista a vida nel durante milenios. A atmosfera, unha fina capa gasosa que envolve á Terra, permite que penetre unha parte da radiación emitida polo Sol e quente o planeta. Para iso, esta capa contén certos gases (principalmente dióxido de carbono, CO2) que absorben unha parte desta enerxía recibida, mantendo a temperatura no planeta.
Estes gases con capacidade de absorción da calor denomínanse gases de efecto invernadoiro (GEI). Se estes aumentan en cantidade, a súa capacidade para reter a radiación solar increméntase, co consecuente aumento da temperatura media do planeta. Este incremento dos GEI presentes na atmosfera supón a causa máis importante do quecemento global, do que deriva o cambio climático.
Os principais gases de efecto invernadoiro son o vapor de auga (H2O), o dióxido de carbono (CO2), o ozono troposférico (O3), o metano (CH4), os óxidos nitrosos (NOx), os clorofuorocarbonos (CFCs) e os hidrofluorocarbonos (HFCs).
No seu Sexto Informe de Avaliación, o Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático, integrado por expertos científicos de países de todo o mundo, concluíu que é inequívoco que o aumento de CO2, metano e óxido nitroso na atmosfera durante a era industrial é o resultado das actividades humanas e que a influencia humana é o principal impulsor de moitos cambios observados na atmosfera, o océano, a criosfera e a biosfera. Desde que comezaron as avaliacións científicas sistemáticas na década de 1970, a influencia da actividade humana no quecemento do sistema climático evolucionou da teoría ao feito establecido.
O fenómeno do cambio climático é un dos maiores retos ambientais aos que se enfronta na actualidade a nosa sociedade debido ás súas implicacións sociais, económicas e ambientais. Este reto é importante, non soamente pola intensidade dos impactos prognosticados en diferentes estudos, senón tamén pola extensión do fenómeno a escala planetaria, así como polas implicacións que previsiblemente terá nos modos de vida e métodos de produción.
Que é o efecto invernadoiro? A superficie da Terra é quentada polo Sol. Pero esta non absorbe toda a enerxía senón que reflicte parte dela de volta cara á atmosfera.

O vapor de auga, o dióxido de carbono (CO2) e o gas metano forman unha capa natural na atmosfera terrestre que retén parte da enerxía proveniente do Sol.

Ao redor do 70% da enerxía solar que chega á superficie da Terra é devolta ao espacio. Pero parte da radiación infravermella é retida polos gases que producen o efecto invernadoiro e volta á superficie terrestre.

Como resultado do efecto invernadoiro, a Terra mantense o suficientemente quente como para facer posible a vida sobre o planeta. De non existir o fenómeno, as fluctuacións climáticas serían intolerables para a existencia da vida.

Actualmente, as actividades humanas, principalmente a combustión dos combustibles fósiles, á vez que se destrúen bosques máis rapidamente que se rexeran, provoca que se incremente o dióxido de carbono emitido á atmosfera e a súa concentración xunto coa doutros gases de efecto invernadoiro; o resultado é o coñecido efecto invernadoiro antropoxénico, que podería alterar o clima mundial nas vindeiras décadas.
- Informes de avaliación do grupo intergobernamental de expertos sobre o cambio climático (IPCC)
O Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (pola súas siglas en inglés, IPCC –Intergovernmental Panel on Climate Change–) é o principal órgano internacional encargado de avaliar o coñecemento sobre o cambio climático. Creouse en 1988 a iniciativa do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), para ofrecer ao mundo unha visión científica clara do estado actual dos coñecementos sobre o cambio climático e as súas posibles repercusións medioambientais e socioeconómicas. No mesmo ano, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas fixo súa a decisión da OMM e do PNUMA de crear conxuntamente o IPCC.
O IPCC é un órgano intergobernamental. Poden formar parte del todos os países membros das Nacións Unidas e da OMM. Actualmente, o IPCC está composto por 195 países. O Grupo de Expertos reúnese polo menos unha vez ao ano en sesión plenaria a nivel de representantes dos gobernos para adoptar as principais decisións sobre o programa de traballo do IPCC e para elixir os membros da Mesa ou Bureau, entre eles, o Presidente. Os gobernos participan tamén na exploración do alcance dos informes, a designación dos autores, o proceso de revisión, e aceptan, adoptan e aproban os informes nas sesións plenarias.
- Funcionamiento do IPCC
Estrutura do IPCC
O seguinte gráfico representa a estrutura do IPCC:

Como está organizado
É un órgano intergobernamental: participan 195 países membros da ONU e a OMM.
- Hai tres Grupos de Traballo principais:
- Grupo I: base física do clima (ciencia do sistema climático).
- Grupo II: impactos, adaptación e vulnerabilidade.
- Grupo III: mitigación do cambio climático.
- Ademais, existe un Equipo especial sobre inventarios nacionais de gases de efecto invernadoiro, que desenvolve metodoloxías para calcular e notificar emisións e absorcións.
Cada grupo de traballo conta con dous copresidentes (un dun país desenvolvido e outro dun pais en desenvolvemento) e unha Unidade de Apoio Técnico (TSU) que xestiona as actividades operativas.
A Mesa do IPCC supervisa o seu funcionamento, asegurando equilibrio xeográfico, de xénero e disciplinas na selección de expertos voluntarios.
Os grupos reúnense en sesións plenarias con representantes gobernamentais, e producen informes revisados por expertos e gobernos.
Sexto Informe de Avaliación do IPCC (IE6)
O informe máis recente é o Sexto Informe de Avaliación, que consta de tres contribucións ao Grupo de Traballo e un Informe de Síntese. A contribución do Grupo de Traballo I finalizouse en agosto de 2021, a contribución do Grupo de Traballo II en febreiro de 2022, a contribución do Grupo de Traballo III en abril de 2022 e o Informe de Síntese en marzo de 2023.
(fonte: http://www.ipcc.ch/)
Consultar todos os informes do IPCC en español (https://www.ipcc.ch/languages-2/spanish/ipcc-en-espanol-publications/)
- Hai tres Grupos de Traballo principais:
- Efectos

O sexto informe de avaliación do IPCC atopou que as emisións humanas de gases que atrapan a calor xa quentaron o clima en case 1,1º C desde a época preindustrial (a partir de 1750). Espérase que a temperatura media mundial alcance ou supere os 1,5º C nas próximas décadas. Estes cambios afectarán a todas as rexións da Terra.
Entre os efectos do cambio climático poderá esperarse:
- Aumento das temperaturas: é a principal consecuencia do cambio climático
- Aumento das secas: o cambio climático está modificando a dispoñibilidade da auga, aumentando o risco de secas que afectan a cultivos e á vulnerabilidade dos ecosistemas
- Aumento da frecuencia e intensidade dos fenómenos meteorolóxicos extremos: Fortes ondas de calor, precipitacións, inundacións, secas, etc., son algúns dos fenómenos que xa se deixaron notar no noso planeta e que estarán presentes con máis frecuencia se non se logran reducir considerablemente as emisións de gases de efecto invernadoiro en todo o mundo.
- Desaparición de especies: Un millón de especies están en risco de extinguirse nas próximas décadas. Os incendios forestais, un clima extremo e a invasión de pragas coa aparición de enfermidades, todo isto está entre as ameazas relacionadas co cambio climático. Algunhas especies serán capaces de adaptarse xeograficamente, pero outras, non.
- Efectos sobre a agricultura e o sector forestal: Os cultivos situados nas zonas baixas poden perder a maioría da súa produtividade facendo que aumente o risco de fame das persoas que sobreviven grazas ás devanditas terras. O incremento no número de incendios fará que as zonas forestais, grandes sumidoiros de carbono, desaparezan e deixen de exercer a devandita actividade, importantísima para reducir os impactos do cambio climático.
- Mais riscos para a saúde: O cambio climático xa dana de feito a saúde, a través da contaminación, as enfermidades, os fenómenos meteorolóxicos extremos, os desprazamentos forzados, as presións na saúde mental, así como un aumento da fame e a desnutrición en lugares onde as persoas non poden producir ou atopar alimentos suficientes., etc.
A gravidade dos efectos causados polo cambio climático dependerá da traxectoria das futuras actividades humanas. Máis emisións de gases de efecto invernadoiro conducirán a máis extremos climáticos e efectos daniños xeneralizados en todo o planeta. Con todo, eses efectos futuros dependen da cantidade total de dióxido de carbono que emitimos. Entón, se podemos reducir as emisións, podemos evitar algúns dos peores efectos.
- Solucións
O resumo do VI Informe de avaliación do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático, publicado en 2023, destaca que o cambio climático afecta a todo o planeta e se está a acelerar e a intensificar. Establece, sen ningún xénero de dúbidas, que o cambio climático se debe á acumulación na atmosfera de gases de efecto invernadoiro (en adiante, GEI), resultado de diferentes actividades humanas.
O Informe do IPCC sinala que é urxente tomar medidas máis ambiciosas en todos os sectores e en todos os niveis, xa que aínda é posible garantir un futuro sustentable e habitable, pois disponse das ferramentas necesarias para reducir, ao menos á metade, as emisións mundiais antes do ano 2030.
A maior contribución para lograr estes obxectivos provirá da xeración eléctrica a partir de fontes renovables, como a enerxía eólica ou a enerxía solar, e tamén da produción e da utilización de gases renovables, como o hidróxeno, o biogás e o biometano, ben como da protección e da restauración dos bosques e doutros ecosistemas.
O Informe tamén indica que a transformación necesaria non será posible sen equidade e sen xustiza social, integrando a acción climática coas políticas que puideren acadar un desenvolvemento sustentable, con baixas emisións e con medidas de protección social.
Para dotar a Galicia das ferramentas, órganos e instrumentos necesarios para a loita contra o cambio climático e garantir a consecución da neutralidade climática no horizonte do ano 2040, nace a Lei do clima de Galicia, coa que se pretende situar o clima como o eixo central das políticas públicas na comunidade, para atinxir a neutralidade climática no horizonte do ano 2040; para reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro, cando menos, nun 75 por cento no ano 2030 con respecto aos niveis de 1990; e para dar cumprimento aos obxectivos para o ano 2040 no marco do Acordo de París.
Para que Galicia sexa unha rexión climaticamente neutra, a lei márcase obxectivos concretos tanto no eido da mitigación —para reducir as fontes de emisión ou potenciar os sumidoiros que captan GEI— como no da adaptación —para mellorar a resiliencia de Galicia e os seus sectores máis relevantes ante o cambio climático—.
- Proxeccións climáticas
Neste apartado amósanse os cambios que se poden producir no futuro en diferentes indicadores relacionados coa temperatura e a chuvia baixo distintos escenarios de cambio climático. Estes escenarios veñen marcados polo IPCC (Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático) a nivel global e teñen en conta como pode mudar o balance enerxético do planeta nas vindeiras décadas.
Os cálculos fixéronse para o escenario intermedio SSP2-5.4 e para o máis desfavorable SSP5-8.5. Para cada parámetro se poden consultar as variacións en dous períodos temporais (2031-2060) e (2061-2090), para todo o ano ou distinguindo as catro estacións do ano. Tamén se poden obter os datos individuais para cada un dos concellos galegos.
Os cálculos partiron de modelos xerais do clima incluídos no CMIP6 (Coupled Model Intercomparison Project 6). Estes modelos avalían o cambio climático a nivel global. Para chegar a un nivel de detalle satisfactorio para Galicia construíuse una rede neuronal que relaciona os parámetros deses modelos globais coas medidas de chuvia e temperatura obtidas en Galicia no clima actual. Con esas relacións, a partir da evolución no futuro das variables dos modelos xerais, pódese inferir o cambio na temperatura e precipitación.
