A Xunta presenta en ENERGY DAYS 2026 o Sistema voluntario de créditos de carbono e o proxecto SICLE CO₂

Data publicación

A subdirectora xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Catalina Thomás de Carranza, expuxo en Santiago a situación actual do sistema e os próximos pasos da súa plataforma tecnolóxica.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático participou o pasado 1 de outubro en ENERGY DAYS 2026, o encontro do sector enerxético organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Na súa intervención, Catalina Thomás de Carranza presentou ante empresas, administracións e centros tecnolóxicos o Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia (SVCC) e o proxecto SICLE CO₂.

O SVCC, creado pola Lei 2/2024 e regulado polo Decreto 95/2025, conecta a quen desenvolve en Galicia proxectos que absorben ou reducen CO₂ con quen desexa compensar voluntariamente as súas emisións. Cada crédito equivale a unha tonelada de CO₂ equivalente, é certificado por organismos independentes e leva un número de serie único que garante a súa trazabilidade. A Lei 1/2026, do clima de Galicia, recoñece o sistema como instrumento para avanzar cara á neutralidade climática en 2040.

O relatorio explicou o papel das metodoloxías, que fixan os criterios para recoñecer cada proxecto e calcular os seus créditos. As dúas primeiras, sobre almacenamento de carbono en produtos de madeira para a construción e sobre xestión forestal mellorada mediante o alongamento das quendas, xa superaron a exposición pública e están en estudo polo Comité Técnico do sistema antes da súa elevación ao Consello da Xunta.

SICLE CO₂ é o proxecto de Compra Pública de Innovación que desenvolve a plataforma tecnolóxica do sistema. Conta cun orzamento de 6,8 millóns de euros, cofinanciado nun 60 % polo FEDER a través da Liña FID do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A plataforma integrará un mapa público de parcelas, un mercado de créditos de carbono, o seguimento dos proxectos e ferramentas de simulación para Carbon Farming e Blue Carbon. A primeira versión do Mercado de créditos de carbono de Galicia está prevista para finais de 2026.

Máis información en https://sicleco2.gal