A Climate Star
O Climate Star é un premio bianual cuxa finalidade é recoñecer proxectos e accións locais de loita contra o cambio climático realizados por membros da Climate Alliance de toda Europa. Ao participar, as cidades, municipios e rexións teñen a oportunidade de destacar os seus logros e presentar os seus proxectos a nivel europeo para que sirvan de exemplo a outras cidades e rexións, e reforzar o papel dos gobernos locais na transición ecolóxica.
O premio Climate Star forma parte das iniciativas impulsadas por Climate Alliance e outórgase cada dous anos desde 2002.
No pasado ano 2025, Galicia foi premiada coa Estrela do Clima grazas aos resultados conseguidos coa aposta da Xunta de Galicia pola gobernanza climática.
Este traballo comezou no ano 2017 cando a Xunta de Galicia asumiu o papel de Coordinadora do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía co fin de promover e apoiar aos concellos na súa adhesión.
Para facilitar a devandita tarefa creou a Oficina Técnica do Pacto das Alcaldías, que comezou os seus traballos no ano 2018. Esta Oficina ofrece atención e asesoramento constante ás cidades e pobos galegos adheridos ao Pacto, axudándolles a desenvolver os seus plans de acción climática e enerxética sostibles (PACES), así como a identificar o financiamento adecuado para facer realidade estes plans.
Ademais, co obxectivo de facilitar aos concellos galegos adheridos o cumprimento dos seus compromisos, publicou dúas ordes de axudas a entidades locais asinantes do Pacto, canalizou axudas de desenvolvemento rexional da UE distribuíndoas directamente a nivel municipal e impulsou liñas de axuda destinadas a fomentar actuacións de mitigación e adaptación fronte ao cambio climático, centrándose nas últimas convocatorias, no financiamento de proxectos de creación, restauración e mellora de infraestruturas verdes.
Os resultados obtidos son moi positivos pois a rexión contaba con 22 municipios adheridos con anterioridade á asunción deste papel por parte da Xunta de Galicia e, tras asumir ese rol e iniciar os traballos correspondentes, a cifra aumentou aos 287 actualmente adheridos.
Aproveitando este éxito e o feito de que os municipios galegos xa teñen experiencia en materia de loita contra o cambio climático, a Xunta de Galicia deu un paso mais co obxectivo de ampliar a acción de gobernanza multinivel, coa creación da Rede Local polo Clima.
A través desta rede garántese a coordinación das accións a nivel rexional e local axuntando todos os esforzos de Galicia fronte ao cambio climático para dar cumprimento aos compromisos adquiridos na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, e co fin de impulsar actuacións prioritarias.
A Climate Alliance
A Climate Alliance é unha organización, que ten por obxecto o fomento da protección ambiental.
Desde a súa fundación en 1990, a Alianza do Clima foi crecendo e incrementando a súa importancia na mitigación e adaptación contra o cambio climático. Na actualidade é a maior rede de participantes no mundo que desenvolve medidas locais sobre o quecemento global. O número de afiliados é de preto de 2000, de 26 países diferentes. Ademais, a Climate Alliance coordina actuacións do Pacto das Alcaldías.
En xuño do 2024 a Xunta de Galicia adheriuse á Alianza.
Con esta adhesión, a Xunta de Galicia continúa a demostrar o seu compromiso coa acción climática xusta e ambiciosa, permitíndolle estar á vangarda nas políticas de cambio climático e no uso de ferramentas de apoio ás estratexias de acción climática. Tamén, beneficiarse do intercambio e aprendizaxe baseado na experiencia doutras rexións como fonte de inspiración e incrementar o seu papel na protección do clima a nivel rexional e internacional a través dos seus propios logros.
Nota de prensa Premio CLIMATE STAR
