Mocidade polo Clima amplía a proposta de programas formativos e accións para este curso 2026/2027

Data publicación

Mocidade polo Clima inicia un novo curso con novas actividades formativas, divulgativas e de acción para achegar o cambio climático ás aulas e ofrecer ao alumnado experiencias nas que poida aprender, participar e desenvolver as súas propias propostas.

Tras contar con máis de 24.000 participantes durante o curso 2026/2027, esta terceira edición amplía a súa programación e incorpora novas iniciativas dirixidas a diferentes etapas educativas, desde Educación Infantil ata a universidade.

Novidades para todas as etapas educativas

Os programas Meteoescolas e Escolas Verdes continúan un novo curso no marco do Plan Proxecta, consolidando o seu traballo para achegar ao alumnado o coñecemento do clima e a adquisición de hábitos sostibles.

A estas propostas súmanse este curso dous novos programas, integrados tamén no Plan Proxecta: Contos polo Clima e Retos Climáticos.

Contos polo Clima, dirixido ao alumnado de Educación Infantil de 3 a 6 anos, empregará contos interactivos e actividades didácticas para introducir o coñecemento do clima de Galicia desde as primeiras etapas educativas. O primeiro conto da colección, O noso clima, irá acompañado dunha guía didáctica con propostas para traballar na aula e dun calendario físico de rexistro do tempo.

Para o alumnado de ESO e Bacharelato chega Retos Climáticos, unha proposta educativa en formato concurso baseada na resolución dun reto climático real (que o curso pasado comenzaba cun piloto e neste curso amplía o seu alcance). Os equipos participantes contarán co acompañamento dun profesional dunha empresa ou entidade integrante da Alianza Galega polo Clima, que asesorará o alumnado no plantexamento do proxecto de solución do reto.

Da aula ao mundo profesional

O programa Inspiradores polo Clima continúa coas charlas en centros educativos de secundaria e visitas a empresas, dirixidias a alumnado de ciclos formativos e universidade, para continuar co seu obxectivo de achegar á mocidade proxectos innovadores e profesionais referentes que están a traballar para avanzar na acción climática.

O programa tamén contará cun gran evento Inspiradores polo Clima, no que persoas de referencia nacional e internacional compartirán coas novas xeracións os seus coñecementos, experiencias e investigacións relacionadas coa acción climática.

Unha oportunidade para o profesorado

Con esta nova programación, Mocidade polo Clima ofrece aos centros educativos diferentes formas de incorporar a educación climática á súa actividade, adaptadas ás distintas idades e intereses do alumnado.

Desde contar e descubrir o clima de Galicia en Educación Infantil ata investigar un problema real, deseñar solucións e traballar con profesionais en Secundaria e Bacharelato; desde coñecer como as empresas galegas están a afrontar a transición climática ata participar en accións de voluntariado ambiental.

Se precisas máis información contáctamos en: mocidadepoloclima.medioambiente [at] xunta.gal (mocidadepoloclima[dot]medioambiente[at]xunta[dot]gal)

Inscríbete aos programas formativos de Mocidade polo Clima