A Van polo Clima percorrerá os festivais e campamentos de verán para implicar á mocidade na acción fronte ao cambio climático

Data publicación

O stand itinerante de Mocidade polo Clima estará presente este verán en cinco festivais e 16 campamentos e campos de voluntariado, con actividades de divulgación e sensibilización dirixidas á mocidade de entre 14 e 35 anos.

A Van polo Clima, percorrerá Galicia durante os meses de xuño, xullo e agosto para achegar á mocidade información e coñecementos sobre o cambio climático e a importancia da acción climática. Ofrecerá propostas de sensibilización, información e divulgación adaptadas á mocidade, combinando o carácter educativo coa participación e o lecer.

Entre as actividades programadas atópase “Que sabes do noso clima?”, un xogo de preguntas e respostas no que os participantes poderán poñer a proba os seus coñecementos sobre clima e enerxía natural a través dunha ruleta en forma de flor. Tamén contará cun espazo de lecer e xogo, deseñado con materiais innovadores e procedentes da economía circular.

Todo o mobiliario e os elementos que forman parte do stand están fabricados en Galicia a partir de taboleiro sostible de cascarilla de arroz, patente da empresa Birdmind que forma parte da Alianza Galega polo Clima.

Calendario de accións da Van polo Clima

Durante as fins de semana de xuño, xullo e agosto, a Van polo Clima estará presente en cinco festivais de referencia:

  • Son do Camiño, no Monte do Gozo, Santiago de Compostela — 18, 19 e 20 de xuño.
  • PortAmérica, en Portas — 9, 10 e 11 de xullo.
  • Atlantic Fest, en Vilagarcía de Arousa — 17, 18 e 19 de xullo.
  • Morriña Fest, na Coruña — 23, 24 e 25 de xullo.
  • Festival de la Luz, en Boimorto — 28, 29 e 30 de agosto.

A Van polo Clima visitará 16 campamentos de verán e campos de voluntariado durante os meses de xullo e agosto.

En total, Van polo Clima chegará este ano a máis de 13.000 mozos e mozas de toda Galicia, superando os datos da edición anterior.