O programa Retos Climáticos, de Mocidade polo Clima, celebrou o pasado 5 de xuño o acto de clausura da súa primeira edición, coa presentación dos proxectos desenvolvidos durante o curso por parte de seis centros de Educación Secundaria e Bacharelato.
Nesta primeira edición participaron máis de 100 alumnos e 20 docentes dos seguintes centros educativos: CPI de Atios (Valdoviño), IES Coruxo (Vigo), CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña), IES A Guía (Vigo), Colexio Los Sauces (Pontevedra) e CPR Santo Ángel (Ourense).
O reto proposto para este curso foi “Transforma os espazos públicos da túa vila para facer fronte ás vagas de calor”. O alumnado analizou un espazo concreto da súa localidade, identificando os riscos e vulnerabilidades climáticas e deseñando propostas de adaptación para mellorar a súa capacidade de resposta ante os episodios de calor extrema.
As solucións ao reto presentáronse en forma de maqueta física, expostas no mesmo recinto do evento e á que os asistentes puideron achegarse durante toda a xornada, e tamén a través dunha presentación sobre o escenario.
A xornada contou ademáis coa participación do presidente da Asociación Española de Climatoloxía, Alberto Martí, e cunha mesa redonda de expertos de distintas empresas, que participaron no programa como mentores, e que compartiron a súa experiencia no mesmo.
O proxecto gañador foi elaborado polo alumnado do IES A Guía, de Vigo, para o centro sociocomunitario de Teis, coa incorporación de solucións vexetais, a mellora do illamento térmico e a instalación de sistemas de aproveitamento da auga da chuvia, xa que concluíron que é un espazo vulnerable fronte ás vagas de calor para as persoas maiores que o frecuentan.
Un modelo de aprendizaxe baseado en retos reais
O programa, en formato concurso, Retos Climáticos ofrece a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos a un problema climático real, cunha perspectiva local pero con visión global.
Para levar a cabo esta tarefa, os equipos participantes contaron co acompañamento do equipo técnico da Consellería de Medioambiente e Cambio Climático e coa mentorización de profesionais de empresas e entidades galegas referentes no seu compromiso co coidado do medioambiente e integrantes da Alianza Galega polo Clima.
As seis entidades mentoras desta edición —Gestagua, Slowlight, INSTRA, Antea Group, Viratec e Birdmind— achegaron ao alumnado o coñecemento especializado e a súa experiencia profesional, asesorándoos no desenvolvemento das propostas e o deseño de solucións concretas e viables.
Esta colaboración constitúe un dos principais elementos innovadores do programa, ao conectar o sistema educativo co tecido empresarial e profesional galego e facilitar que o alumnado coñeza de primeira man como se abordan os retos ambientais desde diferentes ámbitos.
Con esta iniciativa, Mocidade polo Clima reforza o seu compromiso cunha educación climática orientada á acción, que proporciona á mocidade coñecementos e ferramentas para comprender os efectos do cambio climático e participar na procura de solucións para unha Galicia máis resiliente e sostible.
